Angela Carter - A cámara do sangue - KindleGarten

Angela Carter: A cámara do sangue e outros relatos

Compártelo:

Urco Editora publica en galego A cámara de sangue e outros relatos, de Angela Carter, unha das autoras británicas máis salientables do século XX. É un volume de dez relatos no que a autora revisa e subverte contos tradicionais europeus, e muda o rol das súas protagonistas femininas. A capa é de Eva Agra (ilustradora da coleción Mulleres bravas da nosa historia), e cun limiar de Emma Pedreira.

A tradución

A traductora María Reimóndez figura acreditada na capa. Reimóndez xustifica na Introdución a perspectiva de xénero empregada para traducir a obra. De seguido temos o limiar de Pedreira, que afonda nos motivos da traductora e analiza polo miúdo a postura feminista de Angela Carter e intención deconstrutora dos relatos dela. Emma Pedreira, que xa tratara o mito de Romasanta con perspectiva de xénero na celebrada Besta do seu sangue, fai un pequeno estudo sobre literatura tradicional e o seu carácter adoutrinante e represivo para a muller. A tese principal é que autora e traductora conforman unha dupla indisoluble, e que a obra de Angela Carter, para ser aprehendida en toda a súa entidade, debe ser traducida irrenunciablemente dende unha perspectiva de xénero.

Os relatos de Angela Carter

Podemos distinguir tres blocos en A cámara do sangue, malia non viren así delimitados. Un primeiro no que directamente toma contos de fadas e os revira. Outro central, de relatos orixinais, e outro que xira en torno a figura do Lobo, símbolo masculino e de terror na cultura tradicional europea.

A cámara do sangue

O relato que nomea o volume é unha reinterpretación de Barbazul. Neste caso Angela Carter céntrase no matrimonio forzado e infeliz da protagonista, presa no pazo do seu home coma nun cárcere de ouro. O colar de rubíes (a cor vermella é unha constante no libro) que o home agasalla a súa dona aparece coma un elemento asfixiante, como alegoría da sumisión da muller. Transfórmase totalmente o final para fornecer a importancia do vencello nai-filla, malia que deixe unha certa sensación de Deus Ex Machina, de chegada da cabaleiría. Os feitos pasan a transcorrer no século XX, e Carter acada unha atmósfera opresiva notable.

O galanteo do señor Lyon

Primeira versión do conto de fadas francés A bela e a bestia. Neste caso establece unha relación de complicidade entre a Bela e a cadela spaniel da Besta, e o amor da muller aparece como redentora do home, dun xeito semellante ao orixinal, se ben menos con menos sentimentalismo.

A noiva do tigre

Nesta segunda versión, o pai da protagonista pérdea nunha partida de cartas e debe entregarlla ao señor dunha rexión italiana. Angela Carter xoga coa bestialidade do señor, de orixe psicolóxica, que remata extendéndose ao físico. En todo o proceso da entrega da protagonista vemos a contraposición entre o mundo da muller e do home, que impón a súa vontade, na triple figura do pai, do señor e do seu mordomo.

O gato con botas

O relato máis divertido do volume é unha versión do clásico italiano, contado polo propio gato, cun espíritu satírico propio da Comedia do Arte, no cal o dono do gato toma o papel de Polichinela, e a súa amada o de Colombina. Aquí temos de novo o matrimonio como institución opresiva para a muller, na figura dunha moza nova casada cun home vello e avarento. A aia é cómplice do home, unha inimiga máis para a moza. Todo se resolve, coma no orixinal, polo enxeño do gato, axudado aquí pola gata da amada do seu amo. O ton xeral é burlesco e mesmo licencioso, con sucesivas escenas de sexo entre humanos e entre animais.

O Busgosu

María Reimóndez toma este ser da mitoloxía asturiana para nomear ao sátiro protagonista, coma for, unha icona de sensualidade e da luxuria masculina. Representa aquí todo o salvaxe, a nudez da Natureza virxe e vizosa, a inocencia cruel e indolente. É un texto lírico, inzado de figuras estilísticas suxerentes.

A nena de neve

Un relato moi breve que incide na simboloxía neve-brancura-inocencia e sangue-vermello-femineidade.

Angela Carter - A cámara do sangue - KindleGarten

A señora da casa de amor

Angela Carter serve un relato de vampiros, ambientado en Transilvania, que toma o potencial erótico da vampiresa e o eleva ao grao máis alto. Toma todos os elementos propios do vampirismo e o resultado é un conto de terror gótico que por momentos homenaxea á Carmilla de Sheridan Le Fanu. O conto segue a un xove militar británico que percorre a rexión en bicicleta, e vai dar ao castelo da vampiresa, caendo seducido por ela.

Lobisalgo

María Reimóndez traduce o Werewolf orixinal por Lobisalgo e non por Lobishome, e engade así ambigüedade ao texto. É a primeira adaptación da Carapuchiña Vermella, e o Lobo aparece xa como elemento masculino, de perigo. A diferencia do orixinal, aquí a Carapuchiña fai fronte ao Lobo, rematando a historia cun xiro argumental que o afasta diametralmente do orixinal.

A compaña dos lobos

Coma o anterior, revira o tropo da Carapuchiña Vermella, reproducindo o célebre diálogo entre ela e o Lobo, dun xeito perverso, coma un duelo de vontades, e unha vez máis retruca o final orixinal. Tamén, igual que Lobisalgo, vencella con tema da licantropía.

Lobalicia

Sen máis relación coa Alicia de Lewis Carroll que a presenza dun espello, adopta a cuestión dos nenos salvaxes, coma Victor de Aveirón, relatando a historia dunha nena criada por lobos, acollida nun convento e entregada finalmente a un conde como rapaza de servizo. O sangue, en particular o da menstruación, é central no relato, falando da relación da muller co seu ciclo mentrual. Pódese dicir que Lobalicia concentra todos os elementos simbólicos que Angela Carter foi sementando ao longo do libro, como estada estética e ideolóxica entre eles, outorgándolles unicidade.

Angela Carter e o cine. A película

No 1984, Neil Jordan dirixiu unha adaptación fílmica dos relatos de A cámara do sangue, con guión da propia Angela Carter e del mesmo. Interpretada por Angela Lansbury, David Warner e Graham Crowden, entre moitos outros, baséase nos tres relatos de lobishomes: Lobisalgo, A compaña dos lobos e Lobalicia.

Co título orixinal de The Company of Wolves, coma o relato de Carter, en España titulouse En compañía de Lobos.

A cámara do sangue - Angela Carter - KindleGarten

A literatura feminista de Angela Carter

Existen non poucas análises en Internet sobre a dimensión feminista de A cámara do sangue, sobre a subversión dos contos de fadas tradicionais e a deconstrución dos seus roles. Neste caso, a tradución de María Reimóndez ao galego de man de Urco Editora permite ler na nosa língua a unha autora que ten moitas lecturas posibles, alén da súa importancia para o feminismo. O seu estilo é impactante, crea imaxes moi fortes, sensoriais, e empregando poucos elementos (as cores branca e vermella, o frío, o sangue, a menstruación, a bestialidade) acada textos expresionistas que resultan fermosos na súa crueza. Gosta de afondar na psicoloxía dos seus personaxes e termina por facer cómplice ao lector do seu universo obsesivo. A cámara do sangue é, por tanto, recomendable para calquera amante do xénero fantástico, en particular para aqueles que queiran dar unha volta de porca ao contos tradicionais.

Onde Atopalo

A cámara de sangue e outros relatos, de Angela Carter pode atoparse na páxina web de Urco Editora.

Compártelo:
Bloguero, escritor y redactor de contenidos. Colaborador de las revistas Windumanoth, HyperSpace y Libros Prohibidos, y del podcast El Sótano de Radio Belgrado. Miembro de la revista Tantrum y del colectivo Inicia Literaria. Autor de Leyendas del Colt con el seudónimo Kenneth James.
Entradas creadas 420

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba