Cando cae a luz - KindleGarten

Cando cae a luz, de María Canosa

Cando cae a luz é unha das novidades que Urco Editora apresentou na edición 2016 do Culturgal, e o primeiro libro que publica nela María Canosa, unha das autoras máis prolíficas da literatura infantoxuvenil en galego. É tamén o sétimo libro da autora que sae do prelo neste 2016 e fai, se contei ben, o trixésimo segundo da súa bibliografía, sen contar a obra colectiva. Como ven sendo habitual no selo Alcaián, a capa – que homenaxea á pintura American Gothic de Grant Wood- é obra de José María Picón.

Estamos ante unha colección de 13 relatos curtos, cos que María Canosa reivindica a tradición oral do conto, e o seu papel como aglutinador e cohesionador da familia e da sociedade galega. A sinopse e o volume ábrense con senllas frases de Ánxel Fole (A lus do candil, Terra brava), un dos principais cultivadores do relato da nosas letras, manifestación literaria na que cómpre salientar tamén ao seu amigo Rafael Dieste (Dos arquivos do trasno), a Álvaro Cunqueiro (Xente de aquí e de acolá, Os outros feirantes), a Carlos Casares (Vento ferido, Os escuros soños de Clío), ou mesmo a Xabier P. Docampo (Cando petan na porta pola noite).

Porén, non é a intención da autora emular o estilo de Fole e os demáis clásicos, e os relatos de “Cando cae a luz”, se ben manteñen o carácter fantástico dos devanditos, teñen un ton Weird que semella máis inspirado polo ronsel de Robert Aickman, con historias de moi curta estensión, atmosfera desacougante e finais que se precipitan dun xeito inesperado.

Rañaceos de celulosa

Está narrado en primeira persoa por un neno, e emprega un bosque de eucaliptos como elemento de horror, convertido nun personaxe con entidade propia.

Bicos de Isabel

É un relato de psicópatas que se desenvolve nunha contorna cotiá e no que a tensión aumenta perante o texto até liberarse no desenlace.

Forasteiro na cidade

Protagonizado por unha persoa anónima, é un relato de corte kafkiano e cheo de simbolismo, no que a cidade aparece como elemento abafante e opresor da individualidade.

Carmín intenso

Retorna ao subxénero de psicópatas, e ofrece unha historia de desenlace incerto, pouco claro.

Treboada no avión

É un dos textos máis acaídos do volume, herdeiro do estilo fantástico de autores como Ray Bradbury ou Richard Matheson, lembrando ás historias de series de televisión como The Twilight Zone ou Amazing Stories.

Mary Poppins

Xoga co personaxe creado por Pamela Lyndon Travers e popularizado polo filme de Walt Disney Pictures. Unha muller busca una neneira perfecta para a súa filla. O seu comezo e desenvolvemento non fan prever o final grotesco e non pechado.

Liña nocturna

Un relato moderno de pantasmas moderna, que actualiza as clásicas historias de aparecidos, cun ton literario propio de revistas pulp como Creepy ou Tales From the Crypt.

Non quero un avó

Relato incómodo, pois xoga co desacougo que producen sempre as crianzas nas historias de terror. Un home altruista e benfeitor enfróntase a un mozo que rexeita a súa caridade.

Asasino a soldo

Nesta historia, dous asasinos xogan ao rato e ao gato, cun final imprevisto e truculento, na liña do resto do volume.

Torreón

Unha das historias máis clásicas do libro, un relato de pantasmas na tradición do terror gótico.

Badaladas na noite

Outro relato de pantasmas, agora moi referenciado ao eido rural galego.

Vagalume

Unha  historia interesante polo uso dos vagalumes como fío conductor e elemento común ás distintas mortes que vai narrando o protagonista.

Balada

Un músico, excelente executante pero incapaz de compoñer, é animado por unha compañeira a desenvolver todo o seu talento. Novamente, a autora xoga co inesperado e co impactante para finalizar o texto.

En resumo, María Canosa propón unha actualización do relato, da comunicación das historias e da súa transmisión oral. Por iso Cando cae a luz amosa as novas formas do horror e do fantástico, vencelladas xa aos novos usos sociais, ao eido urbano e á influencia da literatura e o cine modernos.

Como é cotián nas recopilacións, non todos os relatos acadan o mesmo nível nin a mesma expresividade, se ben o apartado formal é correcto ao longo de todo o volume, resultando, pola súa brevidade, unha lectura que tanto se pode rematar en menos de dúas horas como estenderse ao longo de varios días, pois o seu formato de relatos curtos permite alternalo con outros textos ou adicarlle un pequeno espazo de tempo antes de deitarse.

A procura do macabro, do estraño, do grotesco e do desasosegante unen así os camiños de María Canosa e Urco Editora, nun libro axeitado por igual para o público adulto como para o xuvenil, co que partilla códigos e linguaxe, e que, sendo una lectura lixeira, ha conectar doadamente cos amadores do xénero fantástico na súa expresión máis estarrecedora.

Cando cae a luz pode mercarse na páxina web de Urco Editora ou nas librarías de país.

Bloguero, escritor y redactor de contenidos. Colaborador de las revistas Windumanoth, HyperSpace y Libros Prohibidos, y del podcast El Sótano de Radio Belgrado. Miembro de la revista Tantrum y del colectivo Inicia Literaria. Autor de Leyendas del Colt con el seudónimo Kenneth James.
Entradas creadas 404

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba