Coraline - Urco Editora - KindleGarten

Coraline, de Neil Gaiman, en Galego con Urco Editora

Compártelo:

A edición de Coraline por parte de Urco Editora supón un fito salientable: a publicación, por vez primeira en lingua galega, da obra dunha das voces máis senlleiras do xénero fantástico contemporáneo. Escritor, guionista de banda deseñada, cine e televisión, o británico Neil Gaiman xa se pode ler en galego, co esforzo de Urco e cunha tradución de Tomás González Ahola. A capa desta edición, de 150 páxinas ─Coraline é unha novela curta, que se le nunhas poucas horas─ é un deseño de Xosé María Picón.

Coraline é unha historia de fantasía, protagonizada por unha nena, Coraline Jones ─non Caroline, malia que moitos teñan a teima de lle chamar así─, que non é feliz coa súa nova vida. Ven de mudarse cos seus pais a un novo predio de apartamentos, onde viven uns inquilinos ben estraños: o señor Bobo, un inmigrante do leste de Europa que supostamente adestra en segredo un circo de ratos, e as señoritas Spink e Forcible, dúas anciáns gordechiñas, antigas actrices que agora viven rodeadas dunha manda de cans Terrier escoceses.

A Coraline non lle gusta a súa nova casa, nin que os seus pais estean todo o día a traballar cos seus ordenadores e non teñan tempo para ela, nin os xantares vexetarianos que cociña o seu pai, nin o uniforme cincento do seu novo colexio, nin non acadar nunca o que quere. As súas exploracións lévanna unha e outra vez á unica porta da casa que está sempre pechada. Unha porta que polo día está cerrada con tixolos, pero que á noite se abre a un mundo fantástico onde ten outra familia e outra casa. Onde a súa Outra Nai cociña todo o que lle gusta, o seu Outro Pai ten todo o tempo para xogar con ela e onde pode ter todo canto lle pete. Claro que na vida non cómpre acadar sempre o que un quere, e as cousas ás veces non son tan marabillosas como semellaban ao principio.

Coraline é unha nova viaxe do heroe, con todas as súas fases e todos os seus elementos. Pero, coma sempre ocorre na fantasía, o que importa non é a estructura subxacente á historia, que sempre é a mesma, senón como está contada. Gaiman toma reminiscencias de Alicia no país das Marabillas, do Pinoccio de Collodi ─en tanto, como aquel, a súa novela ten un aquel monitorio─ e de tantos antecedentes semellantes para conformar unha nova aventura na que Coraline, guiada e acompañada por un gato capaz de viaxar entre os mundos, non só terá que regresar a casa, senón tamén restablecer a orde e rescatar aos seus pais do Mal que espertou coa súa ousadía.

A fantasía é, á vez, a orixe e a solución dos problemas de Coraline. Gaiman crea así unha historia redonda, ateigada de elementos simbólicos ─a chave que abre a porta entre mundos, e cuxa posesión garante o acceso entre eles; a porta, o pozo, os botóns coma ollos, como teñen os ursiños de peluxe e as bonecas de farrapo…─ que coma toda viaxe do heroe ten un compoñente iniciático e de maduración. Coraline aprende que a verdadeira felicidade non consiste en ter todo o que se desexa, e podese dicir que a novela de Neil Gaiman agocha así una certa intención moralizante.

O texto non carece de humor, negro e ácedo moitas veces, con figuras bufonescas como o Señor Bobo ou outras máis elegantes coma o Gato, verdadeiro Virxilio da historia ─un papel semellante para este animal, o de misterioso e autosuficiente viaxeiro entre mundos, podémolo ver dende o Gato de Cheshire da Alicia de Lewis Carroll ata o Jim-Jim da serie xuvenil O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando Cimadevila─.

Coraline é unha novela divertida, lixeira e cun doble nível de lectura que permite o seu desfrute por lectores de calquera idade. A influencia doutro ilustre británico, Roald Dahl, é moi notable no texto, tanto pola complicidade do autor coa protagonista e co mundo da infancia en xeral, como pola crítica social cara os adultos e a súa obsesión co traballo, que os leva a desantender ás súas crianzas. De tal xeito que Coraline pode convertirse nunha novela perfecta para ler e partillar en familia.

Coraline, de Neil Gaiman, Urco Editora

Coraline foi adaptada ao cinema no ano 2009, no filme homónimo, titulado en España Los mundos de Coraline. O filme emprega varias técnicas de animación, tanto por ordenador como stop-motion, e foi un éxito de crítica e público, acadando unha grande recadación e o nomeamento á mellor película de animación para os premios Óscar e Globo de Ouro.

A cinta introduce moitos e moi sustanciais cambios con respecto á novela, como a figura de Wibie, o neno amigo de Coraline, que na novela apenas está suxerido, e aquí é un personaxe importante. Ou a presenza dunha boneca que reproduce a figura de Coraline, que a Outra Nai emprega para espiar á cativa, e que na novela non existe. Mesmo o tamaño da porta, que na novela é unha porta normal, e que na película é unha portela pequena, o que fornece a súa semellanza con Alicia no país das Marabillas. O director, Henry Selick, xa se encargara antes doutras produccións como The Nightmare Before Christmas o James And The Giant Peach, e fixo un bo traballo adaptando a obra de Gaiman, encargándose tamén do guión.

Coraline pode atoparse na páxina de Urco Editora ou nas librarías do país.

Compártelo:
Bloguero, escritor y redactor de contenidos. Colaborador de las revistas Windumanoth, HyperSpace y Libros Prohibidos, y del podcast El Sótano de Radio Belgrado. Miembro de la revista Tantrum y del colectivo Inicia Literaria. Autor de Leyendas del Colt con el seudónimo Kenneth James.
Entradas creadas 403

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba