As lembranzas perdidas no lago Antelväri - KindleGarten

As lembranzas perdidas no lago Antelväri, de Xosé Duncan

Compártelo:

No 2018, Xosé Duncan publicaba As lembranzas perdidas no lago Antelväri, a súa primeira novela en Editorial Galaxia, na coleción Costa Oeste.

Antes diso publicara toda a súa obra en Urco Editora e Contos Estraños, editoriais especializadas en xénero fantástico.

Duncan volve a o terror que xa practicara en Hostal Norte. Agora, cunha historia ambientada nunha Finlandia rural que partilla moitos elementos identitarios con Galicia.

OS ANTECEDENTES

A trama e o escenario de As lembranzas perdidas no lago Antelväri teñen moito en común, probablemente de xeito non intencional, coa tradición do cine europeo de terror dos anos 70.

Xa o da británica Hammer Films, xa o giallo italiano de Dario Argento, Mario Bava ou Lucio Fulci, xa o fantaterror español.

Porque o argumento da novela de Duncan trae reminiscencias de filmes como The Wicker Man (Robin Hardy, 1973), Suspiria (Dario Argento, 1977) ou La Residencia (Narciso Ibañez Serrador, 1969).

Un xeito de narrar e un tipo de historia que podemos vencellar co universo lovecraftiano de A sombra sobre Innsmouth e mesmo retrotraer a A caída da casa Usher, de Poe.

É dicir, o motivo do lugar afastado (aldea, mansión, institución) que agocha un segredo de ton sobrenatural ou truculento. Normalmente un culto pagán mantido durante xeracións, ou unha seita satánica ou adoradora de seres preternaturais. E que implica a moitos dos seus residentes.

Segredo que se ve comprometido pola chegada de un personaxe externo, coma un investigador ou o parente dun fregués, atraído por algunha causa allea ao devandito segredo. Unha herdanza, un falecemento, un caso policial.

O forasteiro e aqueles veciños que non aliñan na mascarada adoitan rematar como vítimas propiciatorias. Ou simplemente asasinados para que non desvelen a realidade.

Recentemente limos Alucina, de Jorge del Río, que realizaba unha homenaxe explícita ao giallo cinematográfico. Se ben cómpre dicir que o propósito de Xosé Duncan fuxe da serie B e olla máis cara obras como Laura das Neves e a sociedade literaria dos Nove, do finés Pasi Ilmari Jääskeläinen. Ou á televisiva Twin Peaks de David Lynch.

 

As lembranzas perdidas no lago Antelväri ten 227 páxinas en 24 capítulos (máis un Epílogo). Unha extensión que favorece que a tensión e a intriga se manteñan sen altibaixos. Por outra banda, Xosé Duncan xa ten puídos os aspectos narratolóxicos, e mesmo atopamos parágrafos bastante expresivos, cun uso de metáforas e de construcións líricas que amosan unha evolución estilística no autor.

A acción transcorre na ficticia vila finesa de Antelväri, unha pequena localidade a carón do lago homónimo. Aí ten base A Asociación, unha entidade benéfica privada dirixida por mulleres e de gran influencia na vida local. Antelväri é tamén o fogar de Olavi, un vello alcohólico que ven de perder á súa muller e que se muda a vivir a unha casa á beira do lago. Aló albiscará as misteriosas auroras boreais subacuáticas que conforman o misterio da trama.

Na figura de Olavi é inevitable lembrar a personaxes como o vello borracho de A sombra sobre Innsmouth ou mesmo ao protagonista ancián e veúvo de Insomnia, de Stephen King.

Mais a novela de Xosé Duncan ten un carácter máis coral, máis centrado nos secundarios e manexando varias subtramas paralelas. Na liña doutras historias de vila con segredo como Catmagic de Whitley Strieber.

Xosé Duncan - KindleGarten

É orixinal o emprego da aurora boreal, un fenómeno definitorio do Ártico, como recurso fantástico e terrorífico.

Evítase a impostación engadindo elementos identitarios galegos como a gastronomía (callos, filloas, melindres, licor café, cuncas de Barrantes) e unha antroponimia que mestura nomes e apelidos galegos e nórdicos.

Hai tamén tuckerización, cunha directora de xornal chamada Alex Bayorti.

Deste xeito estamos nun escenario utópico, poida que nunha realidade paralela.

Duncan acada unha atmósfera incómoda, inquedante, empregando recursos típicos do xénero. A escuridade, o frío, o illamento, predios sórdidos como o hospital da Asociación.

A natureza aparece como fonte de ameaza, pois o lago de augas negras transmite a inquedanza (mesmo fobia) que Lovecraft experimentaba polo mar e as grandes masas de auga.

O terror que procede da luz, de seres luminosos, afástase do clásico uso de criaturas deformes, monstrosas ou demoníacas.

Agradécese tamén que Duncan optara pola omisión, por non amosar e non describir, dun xeito novamente lovecraftiano.

Os personaxes xogan cos tópicos, sendo eficaces. Olavi, o vello borrachón ao que ninguén cre. Linda, a xornalista decidida e arribista á caza da exclusiva que a faga famosa. Iago, o blogueiro escéptico que descubre a verdade pero que carece de medios para contala.

Tamén os distintos fregueses de Antelvari como Ylva, a muller inocente que vive allea aos propósitos da Asociación, ou o doutor Johanss, prototipo de científico sen escrúpulos tan afín ao xénero.

Xosé Duncan - As lembranzas perdidas no lago Antelväri - KindleGarten

 

Este tipo de fenómenos sobrenaturais danlle a As lembranzas perdidas no lago Antelväri un certo ton de terror cósmico. Unha tinguidura máis sofisticada que os exemplos cinematográficos citados.

O componente erótico propio aparece suxerido, non está exacerbado malia ter peso argumental.

Súmanlle intriga elementos como o neno de neve, un personaxe enigmático. Tamén a súa atmósfera de certa irrealidade, case onírica.

Resulta así unha novela notablemente lovecraftiana. Ten un forte sabor tanto a seu precedente Poe como a posteriores autores anglosaxóns. Dende Richard Matheson ou o Ramsey Campell de The Nameless até o John Wyndham de The Midwich Cuckoos.

Con As lembranzas perdidas no lago Antilväri, Xosé Duncan segue a confirmar que existe un espazo para a fantasía adulta en galego. E que esta ten oco nas editoriais maioritarias.

A súa novela mestura a fantasía e o terror cos escenarios e a atmósfera propios da novela negra escandinava. O resultado é unha historia que convida a ser lida a un ritmo moi alto.

Axuda a súa extensión, coma vimos. Os tópicos, feitos propios polo autor, funcionan ben conxugados coas anovacións. Mesmo o desenlace acada sorprender, por non agardado. Alomenos non exactamente no xeito no que o resolve Duncan.

Sinalar, por último, que malia incluirse na coleción Costa Oeste, As lembranzas perdidas no lago Antilväri non é un libro enfocado expresamente ao público xuvenil. Pois ten escenas de violencia explícita (concentradas no tramo final) que entran de cheo no splatter. Que, por outra banda, benvida sexa.

Compártelo:
Bloguero, escritor y redactor de contenidos. Colaborador de las revistas Windumanoth, HyperSpace y Libros Prohibidos, y del podcast El Sótano de Radio Belgrado. Miembro de la revista Tantrum y del colectivo Inicia Literaria. Autor de Leyendas del Colt con el seudónimo Kenneth James.
Entradas creadas 403

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba