Alberte Momán: Vattene!

Publicada no 2012,Vattene! [en italiano «Vai de ahí!» ou «Vaite!»] é obra de Alberte Momán. Escritor nado en Ferrol, que practica a narrativa e máis a poesía, editor (é o responsable de O Figurante Edicións) e enxeñeiro técnico agrícola. Gañou diversos premios tanto coas súas obras individuais como coas que ten espalladas por numerosas obras colectivas. Pertence á agrupación literaria A porta verde do sétimo andar e colabora con publicacións universitarias.

É unha novela curta, que poderiamos definir como narrativa contemporánea, pasado por unha peneira surrealista e existencialista, que ven marcada por un sentido do humor negro moi ácedo e expresivo.

[fonte: Sermos Galiza]

Para Momán, Vattene! é unha metáfora da desaparición da clase media. Ao meu xuízo, vai alén e amosa unha reflexión sobre a condición humana e a crise moral e de valores dunha sociedade en evidente decadencia.

Todo dende unha óptica existencialista que nalgúns intres achégase a un nihilismo ácedo, cáustico e dun cinismo exquisito, que ateiga o texto dun sentido do humor negro que o fai moi divertido e acada á empatía co leitor.

O periplo do protagonista, tanto físico coma vital, reflicte a intención crítica de Alberte Momán, que carga as tintas sobre as miserias da nosa sociedade; cuxo protagonista é quen de resolver moitas das situacións como nós as teriamos resolto se os convencionalismos sociais nolo permitiran.

[fotografía propiedade de Nelson Silva]

O estilo narrativo de Alberte Momán neste Vattene! é curioso, en canto que é culteranista, usando unha linguaxe coidada, con termos escollidos, e nembergantes amosa unha capacidade de síntese, de condensación, que abraia polo seu xeito de comprimir en setenta e catro páxinas unha historia que outro autor se callar contaría en duascentas ou algunha máis. Momán, como escritor, oponse frontalmente ao recheo, á palla, ao xeito que algúns autores teñen de ampliar os seus textos por mor de esixencias editoriais ou por un sentimento de obriga (nun video que ligo máis abaixo podedes escoitarllo a él mesmo).

Por iso, en Vattene! non hai descripcións, e cáseque apenas adxectivación. O principal é a trama, que ocupa a narración en detrimento da ambientación, da atmósfera e dos escearios, e non hai espazo para accesorios, nin para escapadas fóra dos pensamentos e os feitos do protagonista.

O autor apresenta o seu libro Os quilómetros que percorremos dende aquela

Perante todo o libro, a ollada de Momán á realidade é claramente existencialista, e a sensación de absurdo e de futilidade vénse fornecidas polo ton surrealista do relato. Cun protagonista que vaga espido e armado cun AK47, que usa en varias ocasións, e que atopa unha vaca laretas que abre o seu propio corpo e tira del un prato de filetes con patacas, roupa, unhas botas Magnum e o devandito fusil. Que é testigo de esceas de sexo entre un crego e unha muller en medio da rúa; que atopa a Leonardo sen estremidades e negocia cun lobo que o poida papar ou non; ou que xa escomeza a narración no medio dun deserto cun coloquio sen sentido cun home que o recolle no seu jeep cando está deitado no chan e un can bichón frisé está a lle trabar unha perna. Puro absurdo, que aínda así constrúe unha historia consistente e que garda, dentro da total irracionalidade, a súa propria lóxica interna.

Porque a proposta de Momán ten algo do teatro de Ionesco, do pesimismo nihilista de Camus ou Sartre, do delirio manierista de Burroughs, dos personaxes crepusculares e os escearios esmorecentes dos esperpentos de Valle-Inclán, e moito da ollada áceda, crítica e retranqueira de Vicente Risco ou Curros Enríquez.

O AK-47, omnipresente na novela, un símbolo do que todos nós fariamos se poidesemos.

A súa brevidade, o pulso narrativo de Momán, que crea interese e mantense firme ao longo do texto; o seu sentido do humor, e a orixinalidade da súa idea principal, fan que Vattene! sexa un libro interesante e atraínte, que permite ademáis coñecer a labor de moitos escritores galegos contemporáneos que, como Alberte Momán, andan á marxe dos grandes grupos do mundo editorial do noso país (Xerais, Galaxia) e optan por outras iniciativas editoriais, caso de Q de Vian Cadernos (seica o nome será unha homenaxe a Boris Vian?), que publica esta novela.

Se dubidades do ton surrealista, delirante e absurdo de Vattene!, imaxinade esta fera
trabándolle salvaxemente a perna a un home deitado á beira dunha estrada no deserto

Marcar como favorito enlace permanente.

Un comentario

  1. Pingback: Alberte Momán Noval: Barata Minha Barata | KindleGarten

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

  • Suscríbete