KindleGarten - Blogger

2022: Adeus WordPress, ola Blogger (aló por agosto)

Bon, chegamos a 2022 (febreiro xa), e doa a doa foron sumando motivos que me levaron a deixar KindleGarten nun recuncho e actualizalo moi pouquiño.

Mesmo as constantes actualizacións de WordPress provócanme ansiedade, e aos poucos vou notando que me sobra editor de textos, que coa décima parte de funcións e widgets xa arranxaba ben.

O derradeiro croio no camiño foi a suba do prezo do aloxamento. Que eu entendo que a eles tamen lles suben o pienso e o gasoil, pero para escribir unha entrada de cando en vez e que somentes a lean o robó de Google e os spammers rusos xa non me paga a pena.

Polo que a decisión está tomada e:

Esta versión do blog pechará definitivamente o 5 de agosto do 2022, coincidindo coa caducidade do plan de aloxamento web.

—Por volta desa data, redirixirei o dominio ao aloxamento de balde na plataforma Blogger, ao novo blog que veño de abrir e que polo de agora está en construcción, como o Gaiás. É dicir, KindleGarten volve á súa orixe, pois aló naceu en febreiro do 2013.

—Posto que non é posible unha migración completa do blog, por limitacións de Blogger, recuperarei somentes aqueles textos máis senlleiros para min. Das máis de catrocentas entradas do blog, recuperarei unhas cen como moito. E comezarei xa, que teño que facelo a man e logo vénme o tempo enriba.

—Nesa nova versión, os textos serán moito máis persoais e breves, e sen calendario nin plan de publicación.

—A meirande parte dos textos serán en galego.

—A nova versión non terá listaxes de correo, nin notificacións, nin presenza nas redes sociais ou noutras plataformas coma Youtube, TikTok ou semellantes. Se vos presta, poderédela seguir por lectores RSS (Feedly, Flipboard, The Old Reader…) como se ven facendo de sempre.

A cousa é que eu quero manter un blog, e non contas nas redes sociais, malia que o alcance e a proxección destas sexan moito meirandes e os blogs, pola contra, un anacronismo.

Pero do mesmo xeito que procuro vivir cada día con maior sinxeleza, boitando fóra o superfluo e loitando contra a ansiedade, en Internet irei tamén na procura de algo cada día máis sinxelo. A tope coa teoría do decrecemento e en slow motion. Eis volvemos a Blogger. Adeus, WordPress, marcho que teño que marchar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.