
A bruxa novata, de Mary Norton
Este clásico da literatura infantil anglosaxona foi unha das novidades de Sushi Books para o Nadal de 2021. Está traducido por Moisés Barcia e a edición conta cunha capa de Sarai Lorenzo.
As novelas
A bruxa novata en realidade son dúas novelas curtas, The Magic Bedknob (1945) e Bonfires and Broomsticks (1947). No ano 1957 publicáronse conxuntamente nun volume titulado Bed-Knob and Broomstick. En 1971 foi adaptada ao cinema no filme Bedknobs and Broomsticks, que no mercado castelánfalante titulouse La bruja novata.
A súa autora, a británica Mary Norton, e unha das escritoras máis senlleiras da literatura infantil. A súa novela The Borrowers foi adaptada ao cinema e outros medios varias veces.
Resumo
A bruxa novata conta a historia de tres irmáns londinenses, Carey, Charles e Paul, que na primeira novela, O pomo máxico, van pasar as vacacións a casa da súa tía na pequena localidade rural de Bedfordshire. Aló descubrirán que a veciña, a solteirona señorita Price, é unha bruxa que pode voar na súa vasoira. Para que non a delaten, a señorita Price failles un agasallo: un pomo de cama máxico que permite a unha vella cama e aos seus ocupantes viaxar no espazo e no tempo. Tras unha primeira viaxe de proba á súa casa en Londres, os nenos e a señorita Price viaxarán a unha remota illa do Pacífico a pasaren un día de sol e praia. Mais rematarán capturados por unha tribo de caníbales da cal terán que fuxir.
Na segunda novela, Fogueiras e vasoiras, os tres irmáns irán pasar o verán coa señorita Price, quen abandonou a bruxería e quere levar unha vida normal. Os cativos atoparán o pomo esquecido e viaxarán no tempo á cidade de Londres do século XVII. Aló coñecerán a Emelius Jones, un falso bruxo que virá con eles ao presente, onde namorará da señorita Price. De volta na súa época, será apresado e condeado á fogueira, da cal o salvarán a bruxa e os tres cativos.
A narración
O estilo narrativo da autora, a trama e os escenarios lembran axiña ás populares novelas de grupos de rapaces como Os cinco ou Os sete secretos, malia que Mary Norton ten máis sentido do humor e menos contido moral que Enid Blyton. Sen chegar ao anarquismo do Guillerme de Richmal Crompton, os cativos de Norton son máis lerchos e sarillos que os nenos modélicos de Blyton, e resultan máis reais.
A bruxa novata é unha lectura axeitada para cativos de dez a doce anos, que Sushi Books ubica no seu nivel intermedio. Con capítulos curtos e unha linguaxe sinxela, resulta moi entretido e ten momentos de humor costumista moi británicos.
A película
Como dixemos arriba, A bruxa novata foi adaptada ao cinema, por parte de Walt Disney Pictures, en 1971. O novo título, Bedknobs and Broomsticks, pasou á novela en edicións posteriores.

Dirixida por Robert Stevenson e Wardf Kimball, estivo protagoniza por Angela Lansbury como señorita Price e David Tomlinson como Emelius. É unha adaptación moi libre, que toma a idea central das novelas e pouco máis. Inclúe números musicais e mestura imaxe real con animación. Foi un éxito para a compañía, non tan grande como Mary Poppins pero abondo para converterse nun clásico.
O día de Nadal do ano 2004 emitiuse na TVG con dobraxe ao galego e co título de A meiga novata.
O caderno da señorita Price
Mercando o libro A bruxa novata na web de Sushi Books, trae de agasallo un caderno en branco do libro Sortilexios elementais da señorita Price (Oferta até fin de existencias).