
«A miña primeira novela de…», unha nova colección de Contos Estraños
A editorial galega Contos Estraños, especializada na literatura de xéneros, ven de anunciar o nacemento dunha nova colección de literatura infantoxuvenil: «A miña primeira novela de…»
O título xa amosa a intención: «A miña primeira novela de…» nace coa idea de iniciar á cativada nos xéneros literarios máis populares, a través de historias que conteñan todos os temas e estructuras narrativas comúns de cada xénero. Mesmos os seus tópicos e lugares recorrentes, para que os rapaces e rapazas aprendan a recoñecelos e desfrutalos.
A proposta e editar unha novela por trimestre, con catro novelas ao ano. E para financiar o proxecto acudiu á plataforma de micromecenazgo Verkami, onde agardar recadar 3000 euros.
Verkami «A miña primeira novela de…»
En función da cantidade achegada recíbense distintas recompensas, a partires de 12 euros. Como sempre, se o obxectivo non se acadar, o cobro non chega a realizarse.
As novelas
«A miña primeira novela de…» comezará con catro novelas, adicadas áo salvaxe Oeste, á maxia, á fantasía épica e á ciencia ficción. Catro dos formatos máis populares da literatura de xéneros.
Pegadas de búfalo, de Tomás Rivera

‘A miña primeira novela do Salvaxe Oeste’ conta as aventuras da familia Parsons cos indios e a cabalaría despois de se mudaren a unha granxa na pequena cidade de Oakville.
As probas do mago, de Vanesa Santiago

‘A miña primeira novela de Maxia’ narra os desafíos do vello druída Roque Duasaugas e a competición entre Fuco e Aldara para ver cal dos dous consegue converterse en aprendiz de mago.
A caída de Guiomar, de Alba Rozas

‘A miña primeira novela de Fantasía Épica Galega’ presenta a viaxe da cativa Aima e da guerreira Tegra para salvar o reino de Eabaca e os seus habitantes (Xans, tardos, nubeiras, mouros e outras criaturas da mitoloxía tradicional galega) da ameaza da Orcavella.
Visitantes da estrela vermella, de Tomás González Ahola

‘A miña primeira novela de Ciencia-Ficción’ fala de Dril e Gat, un mozo e unha moza do pequeno mundo colectivista do Val, que son secuestrados e levados a un lugar estraño e inmenso gobernado por un réxime totalitario que oprime a súa poboación.
Aprendendo da literatura de xéneros
«A miña primeira novela de…» ten unha intención engadida: servir como ferramenta educativa. As novelas non só tratan as súas respectivas temáticas, tamén amosan valores transversais que permiten o seu emprego na aula. Por iso chegarán acompañadas dunha guía dixital de lectura para o profesorado.
Por outra banda, cada novela inclúe fichas didácticas interactivas (cun código QR escaneable para acceder a contidos multimedia) coas que ampliar a información achegada na narración.
O micromecenazgo
A campaña de microfinanciamento de «A miña primeira novela de…» comezou o 3 de setembro de 2020 e ten unha duración de 40 días.
Se se superar o obxectivo de 3000 euros, haberá recompensas adicionais no caso de acadar 4000 e 5000 euros.
Podes apoiar a campaña de Contos Estraños en Verkami nesta ligazón.