Alberte Momán Noval: Barata Minha Barata

Compártelo:

Barata Minha Barata é a última novela de Alberte Momán Noval, publicada pola editorial portuguesa Chiado Books na súa colección Palavras Soltas. Tras empregar o castelán en Lapamán, a súa novela anterior, volve ao portugués de Ocidente. En Barata Minha Barata imos ollar como acrisolan os tropos recorrentes no universo literario de Alberte Momán, e como a figura simbólica da baratacascuda ou carroucha no galego da Galiza— vailles servir de fío condutor.

O escenario

Como no resto de obras do autor, cómpre máis falar de escenario que de trama. Voltamos atopar a cidade innomeada, a urbe coma un non-lugar de señardade, sordicie e inmundicia. A cidade que illa ás persoas, que as amorea en multitudes que a percorren sen comunicarse e que as guinda aos bares como recuncho último de socialización.

Igual que en Vattene! ou Ocidente, temos un mundo esmorecente. No que a cidade recibe os ecos dunha guerra indefinida que a rodea, que a isola e que está presente. Malia que non impide que os seus habitantes continúen vivindo nunha cotidianidade indolente.

Aquí a cidade chega, como máxima expresión distópica do seu carácter illante, a segregar aos cidadáns en zonas segundo a súa clase social, con liñas brancas no chan que separan espazos e que non é posible ultrapasar sen verse sometido ao exame da Policía, ao xuízo institucional.

A subversión

Barata Minha Barata conta con outro elemento recorrente do autor, que xa fora fío argumental de Lapamán. A existencia dun grupo subversivo, dunha resistencia ao sistema. Se alí era Alamut, acó é un ente vago, impreciso, cunha presenza de seu na primeira parte da novela e que persiste de xeito xordo ao longo do resto dela.

Sendo unha historia fortemente distópica, isto permite a Alberte Momán retratar unha sociedade que esmaga as arelas individuais e as diferencias, que esixe submisión de facto, ideolóxica e condutual.

Alberte Momán - KindleGarten

A barata contra Alphaville

O Alberte Momán depura acó o seu estilo impresionista, a súa capacidade de condensar o texto limpándoo de artificios, reducindo a súa novela a 105 páxinas. Trátase de crear a meirande cantidade de imaxes no menor texto posible. Por iso as súas ideas son tanexpresivas e crean significacións tan vívidas no lector.

Neste eido, a lectura de Barata Minha Barata evoca, na súa atmósfera e nos seus diálogos, á Lemmy contra Alphaville de Jean-Luc Godard. A mesma sensación opresiva de absurdo. As conversas cincentas e átonas, os convencionalismos esmagantes, a represión pesando no aire. Pode ser Le Jetée de Chris Marker ou a distopía que queiramos. Pero Barata Minha Barata comparte co cine da nouvelle vague a súa capacidade para expresar desposuíndo de artificios a mensaxe.

Vemos así que as baratas son metáfora e alegoría. Ao longo da narración van medrando en número e tamaño. Gañan poder e autoridade moral, convértense mesmo en axentes represivos. Poderiamos dicir que se apropian da cidade, que desprazan aos humanos, ocupan o seu espazo. As riadas de baratas xurdindo dos sumidoiros lembran a They’re Creeping Up on You! daquela trasnada de George A. Romero e Stephen King que foi Creepshow. Ou ás da comedia negra Joe’s Apartament. Apoderándose de tal xeito, fan recordar o poema Dato biográfico de Ángel González.

Vidas prestadas

Cunha narración de historias cruzadas, Alberte Momán insiste nun dos piares da súa obra literaria: a das persoas que non levan o leme das súas vidas, como se estas foran prestadas e non lles perteceran de seu. Persoas cuxos traballos son mera fonte de subsistencia e tempo roubado á existencia. Como se estivesen nun permanente impasse.

O surrealismo permite ao autor que os seus personaxes, innomeados e pouco más que bosquexados, e os seus actos gañen en expresividade, por medio da hipérbole. Temos así persoas cuxa única arela é vivir, simplemente, sen futuro nen expectativas. E para as cales, aínda así, existir é unha tarefa gravosa, que precisa dun esforzo ímprobo.

Barata Minha Barata - KindleGarten

Surrealismo, erotismo e sordicie

Alberte Momán volve enchoupar a súa novela dun forte compoñente erótico-sexual. Non tan vencellado a termos de dominio-submisión coma en libros anteriores pero si reducido ao seu apartado físico, mesmo cun notable carácter sórdido. É difícil non trazar paralelismos co sexo excéntrico e desenfreado de William S. Burroughs —The Naked Lunch—. Ou coa crudeza violenta de Boris Vian.

O erotismo aparece, coma outros comportamentos dos personaxes, dentro dunha perspectiva acusadamente solipsista. A preocupación por este pensamento xa se traslucía nas anteriores obras do autor, e en Barata Minha Barata é a primeira vez que o solipsismo e os seus principios se citan expresamente.

Unha novela complexa

O universo literario de Alberte Momán é personalísimo e por momentos difícil. Require unha certa disposición e compartir o seu uso cultista —non culteranista— da linguaxe. Neste senso, é un autor fiel a si mesmo e á súa concepción da narrativa, que fai poucas ou ningunha concesión. Barata Minha Barata fornece o seu corpus literario e o conxunto de tropos que, como dixemos, se atopan en todo o seu traballo e fan que sexa tan persoal.

Onde atopala

Barata Minha Barata pode mercarse na loxa online Imosver.

Compártelo:
Marcar como favorito enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

  • Suscríbete