Alberte Momán - KindleGarten

A ciencia ficción de Alberte Momán, en tres libros e un relato

Alberte Momán (Ferrol, 1976) é un autor xa coñecido para KindleGarten, do cal tratamos polo miúdo a súa narrativa (Vattene!, El legado extraterrestre, Bosquexos para unha distopía, Ocidente, Barata minha barata e Bondage). A súa (premiada) verquente poética partilla coa prosa un elemento identitario: a súa prolificidade e o seu carácter ubicuo, case de guerrilla, publicando en distintas plataformas, autoeditándose e empregando a linguaxe como un vehículo, con escritos tanto en galego como en portugués ou castelán. O resultado é unha obra totalmente libre, que transcorre paralela á industria literaria; un exercizo de anarquía, espírito punk e DIY.

Neste 2021, Alberte Momán leva publicadas catro textos de ciencia ficción, o xénero no que pode inscribirse toda a súa narrativa. Textos que, como habemos ir vendo, conteñen os elementos definitorios do conxunto da súa obra:

Rojo Cochinilla

Escrito en castelán e publicado con Punto Rojo Libros, Rojo Cochinilla é un libro de tres relatos que tratan un tema común: a alienación social e a degradación moral das persoas por mor do peso da estrutura social á cal non poden sustraerse. A vontade dos suxeitos, dos individuos, está condicionada pola sociedade e exercer a liberdade supón unha loita desigual contra a superestructura social, para moitos perdida de antemán. Un concepto omnipresente na obra de Alberte Momán, na cal os protagonistas sempre son personaxes bosquexados que non teñen apenas control sobre os acontecementos.

Alberte Momán - Rojo Cochinilla - KindleGarten

En Rojo Cochinilla, Momán semella experimentar tamén co seu estilo narrativo. Mantén a brevidade propia de todas as súas novelas e non renuncia á concisión, pero emprega unha linguaxe máis elaborada, recreáse máis nas formas literarias. Pódese dicir que a escrita ten unha meirande intencionalidade poética, malia que non chega caer no artificio.

O primeiro relato, «Rojo cochinilla», o máis extenso do volume, ten fetío de novela noir, pero coa presenza de elementos fantásticos e fortemente surrealistas. Como Argallúas, o gato parlante co cal convive a protagonista, ou a viraxe da trama cara un humor negro e cargado de intencións, cando se retratan os procesos electoriais galegos e o seu feito diferencial dos mortos con dereito a voto.

«Rojo cochinilla» está dividido en capítulos non numerados, cuxos títulos semellan extraídos de manuais de filosofía. É unha historia de mulleres fortes, na cal teñen papel tamén a música e os automóbiles, coma pasara en El legado extraterrestre.

O segundo, «Indoctus pauperiem pati», amosa a un personaxe perdido na súa propia casa, desprazado do seu espazo seguro convertido nun non-lugar, sumido nunha revolución que procura ocupar casas baleiras para entregarllas aos despoxados.

O terceiro relato, «Incomutable», insiste, como as novelas precedentes de Momán, en amosar o sexo dende unha perspectiva de sordicie e vencellado ás relacións de dominación, á deshumanización e á cosificación. Neste caso cunha grande explicitez e expresividade, semellante á vista en Lapamán, pero aínda máis crúa.

K2-18b. Planeta Habitado

Escrita en galego, está publicada co selo Pulp de M Editora, proxecto editorial do propio autor. K2-18b. Planeta habitado é unha novela de ciencia ficción lo-fi, cuxo prantexamente lembra á Alphaville de Jean-Luc Godard en canto a viaxe espacial e a colonización doutros planetas son circunstanciais.

Alberte Momán - Planeta habitado - KindleGarten

Perfectamente a historia podería transcorrer entre duas nacións da Terra en troques de entre dous planetas, e as naves espaciales seren barcos ou camións. Porque o importante de K2-18b. Planeta habitado é o seu pesimismo, a sua tese de que o ser humano está condeado a reproducir o seu modelo social fallido e repetir os seus erros aló onde vaia. Tanto que non un lugar ao que fuxir do pasado. Non hai segundas oportunidades, nin noutro planeta afastado do noso.

O tema da revolución social soterrada, a grande conspiración que tenta derrocar o sistema e remata por estoupar ao longo da novela atrapando aos protagonistas, é unha constante do universo narrativo de Alberte Momán, e aparece de novo en K2-18b. Planeta habitado, onde se trata tamén a figura dos refuxiados e as crises humanitarias, cun ollar pesimista, insistindo na deshumanización da sociedade e na presión desta sobre os individuos. Veremos como a vida e o destino de centos de seres humanos poden depender, á fin, de decisións persoais condicionadas por situacións e acontecementos.

Non marches nunca

Non é a primeira vez que Alberte Momán escribe unha novela infantil, antes xa estivo A viaxe de Ana, publicada por Editorial Galaxia. Non marches nunca publícase con Medulia Editorial, cun formato apaisado que favorece as fotografías panorámicas de Alberto Castro Freire que complementan o texto.

Alberte Momán - Non marches nunca - KindleGarten

Alberte Momán retrata un mundo que coñece ben, o eido rural galego, en particular o vencellado á producción láctea. E repara nun dos problemas máis preocupantes do noso país: a despoboación, e con ela a señardade dos cativos e cativas do rural. Condeados moitas veces, como a protagonista, a seren a única crianza da súa parroquia.

Uxía vive con seus dos papás, Marco e André, nunha parroquia da Galiza interior que pode ser calquera. No seu noveno aniversario recibe como agasallo unha cadela. As escenas da vida cotiá da familia sucédense até que entra o elemento fantástico: un amigo para Uxía, que aparece na historia dun xeito pouco convencional.

Non marches nunca é unha historia amable, de lectura grata e sinxela, que se achega ademáis á realidade das familias homoparentais, a súa normalidade e cotidianidade.

Más allá de la puerta

Relato breve escrito en castelán e publicado na web Cosmoversus. É unha historia contemplativa, onde os lacónicos diálogos son aseveracións filosóficas.

Alberte Momán - Más allá de la puerta - KindleGarten

Non existe en Más allá de la puerta unha trama, un núcleo narrativo forte, se non que as frases se suceden como emulando os escenarios que describen. O resultado é onírico e deliberadamente abstracto, e cómpre lélo varias veces.

Pódese ler na páxina web Cosmoversus.

Catro historias de mulleres

Salvo «Indoctus pauperiem pati», todas as historias de Alberte Momán neste 2021 están protagonizadas por mulleres. O autor pon en valor, ademáis, as relacións afectivas, de apoio mutuo e de amizade entre mulleres, apoderando personaxes, como as hostaleiras (cun papel de peso en Rojo Cochinilla e K2-18b. Planeta habitado), que adoitan ser figurantes de fondo, mesmo unha simple parte do escenario, na literatura e nas nosas vidas.

Literatura de graza

Na súa ansia de comunicar, Alberte Momán dispuxo parte de súa obra de xeito gratuito, en formato dixital. Isto inclúe K2-18b. Planeta habitado.

Ligazóns

Mercar Rojo Cochinilla

Descargar K2-18b. Planeta Habitado

Mercar Non marches nunca

Ler Más allá de la puerta

Páxina web de Alberte Momán

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.