Dormir com Lisboa - Fausta Cardoso - KindleGarten

Dormir com Lisboa, de Fausta Cardoso Pereira

Dormir com Lisboa, de Fausta Cardoso Pereira, é a obra gañadora do II Premio Antón Risco de Literatura Fantástica convocado por Urco Editora e a Fundación Vicente Risco, entre outros colaboradores. Fallado na vila de Allariz en febreiro do 2017, está galardonado con 3000 euros, a publicación da obra por parte de Urco Editora dentro do selo Dr. Alveiros (estreado o ano anterior coa edición de Querido H.P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga, gañador da primeira edición e membro do xurado nesta segunda) e cunha espada de dúas mans a xeito de trofeo conmemorativo.

Escrita en portugués, lingua natal da autora, Dormir com Lisboa mestura a fantasía, o realismo máxico, o costumismo e o neorrealismo para ofrecer unha historia que renuncia deliberadamente a un núcleo argumental forte en prol do desenvolvemento do escenario, que remata sendo protagonista de seu. Lisboa, ou as moitas Lisboas que son e foron, é o personaxe ao redor do cal Fausta Cardoso constrúe unha novela coral, como un mosaico de azuleixos dos que tanto gostan os portugueses, e que somentes se percibe en pleno observando todo o conxunto.

Dormir com Lisboa divídese en catro partes de extensión desigual, e un total de vintecatro capítulos. A historia transcorre entre o 6 de maio e o 1 de xuño dun ano non determinado da nosa época actual, e está narrado en terceira persoa por un narrador omnisciente, testemuña e participante mais non protagonista, que en momentos puntuais cede a labor a terceiros.

Este personaxe, o Arquitecto de Lisboa, serve tanto de elemento de cohesión narrativa como de compoñente fantástico: un vellouco vestido cun longo robe vermello, un dos moitos malucos sen fogar que vagan por Lisboa, pero tamén un ser estraño, cuasipantasmal, que se move entre a realidade e a fantasía e que fiará todas as experiencias individuais que á fin compoñerán o collage proposto pola Fausta Cardoso.

Dormir com Lisboa - Fausta Cardoso - KindleGarten

O argumento de Dormir com Lisboa resúmese en que diversas persoas, de súpeto e sen razón aparente, son engolidas polo chan en diversos lugares de Lisboa ao longo de varios días, por buratos que se abren e despois se pechan sen deixar pegada.

O goberno da nación e a cámara municipal crean dúas comisións de crise para tratar o tema, con expertos como o xeneral Gustavo Pacheco o a doutora Ana Bragança, científica de prestixo internacional. As distintas experiencias de cada persoa, as reaccións dos lisboetas e o resto da nación portuguesa e os interrogatorios policiais aos achegados dos desaparecidos permiten a Fausta Cardoso tecer un retrato costumista e máxico de Lisboa, da súa muda constante, da vida cotiá do pobo que a conforma e da súa identidade en continua perda e transformación.

Así, Lisboa amósase coma un ser vivo, coma un ente orgánico que non é monolítico, e que está conformado por tantas Lisboas como persoas acolle, lisboetas, turistas ou aqueles que nela traballan ou moran sen dela sentírense. Toda a narración transmite unha fonda sensación de saudade pola Lisboa perdida, pola cidade que foi e que hoxe fica esborallada pola especulación urbanística e por unha globalización que ameaza a identidade dos barrios máis senlleiros da geografía lisboeta, eses que todos coñecemos mesmo sen ter visitado a cidade. Nin un parágrafo tardan en aparecer Alfama, Madragoa, Mouraria, A Graça ou Bairro Alto, iconas da cidade hoxe ateigadas de turistas e víctimas da gentrificación.

A prosodia da Fausta Cardoso é calma, repousada, e Dormir com Lisboa non é unha obra de tensión narrativa, nin de xogo entre tensión e distensión, senón unha sucesión de escenas que procuran crear imaxes e suxerir sensacións ao lector. Para o cal a autora se serve dun estilo narrativo limpo, sobrio, coidado e mesmo un chisco formal. E malia todo fica espazo para a lírica no exercizo constante de prosopoeia que convirte a Lisboa nunha muller con sentimentos, ideas e emocións, dende o fermoso incipit «Lisboa acordou zangada. Lisboa adormeceu satisfeita. Entre um momento e outro, Lisboa esteve furiosa».

Dormir com Lisboa - Fausta Cardoso - KindleGarten

Nesta prosopoeia entra a idea da desorientación. ¿E se Lisboa, como ente pensante, tivese a idea de reaccionar, de facerse ouvir polos seus habitantes, de provocarlles, de buscar a súa reacción? E así temos o compoñente fantástico, que vencella ademáis co pasado soterrado da cidade.

A lectura de Dormir com Lisboa é doada, mesmo para quen non estea afeito á normativa AGAL, fóra duns cantos «falsos amigos» lexicais (un abrigo é un albergue, e un agasalho é un abrigo; unha bilha non é unha billa senón unha xerra de barro; un motorista é un chofer…) e dos termos sen correspondencia en galego que ben resolven tendo a man calquera dicionario online.

Fausta Cardoso ofrece una ollada diferente a Lisboa, enchoupada dunha saudade que case semella herdada dos fados dos barrios que percorre o seu romance: Alfama, Mouraria, Madragoa, A Graça, o Chiado… o sentimento que ver morrer as pedras dunha cidade, sustituidas polo alcatrán; de fontes, chafarices e lavadoiros que esvaecen, de ríos que sumen canalizados baixo a terra; de comercios tradicionais suplantados por impersoais franquicias idénticas a de calquera outra cidade do mundo; dos ritmos lentos e os silencios rendidos ao turismo de masas co seu balbordo e o seu rebulir constante… abondo para espertar a empatía de calquera dos que vivimos nunha cidade turística, sexa Lisboa, Barcelona, Compostela ou A Coruña.

De xeito que Dormir con Lisboa resulta unha lectura agradecida, tanto por supor un achegamento á literatura fantástica portuguesa actual, como por demostrar a amplitude que permite o xénero fantástico, manexándoo fóra dos limiares que tradicionalmente se lle asignan.

Dormir com Lisboa - Fausta Cardoso - KindleGarten

Dormir com Lisboa pode mercarse por 17 euros na tenda en liña de Urco Editora ou nas librarías do país.

Una respuesta a «Dormir com Lisboa, de Fausta Cardoso Pereira»

Los comentarios están cerrados.