Mulleres bravas da nosa historia: Maruja Mallo

Compártelo:

O terceiro caderno da serie Mulleres bravas da nosa historia, que Urco Editora dedica a reivindicar e visibilizar as mulleres exemplares da historia da Galiza, está adicado á pintora surrealista Maruja Mallo. Nesta ocasión, as ilustracións voltan ser obra de Eva Agra, deseñadora titular da colección, e o texto é obra da pontevedresa Elvira Ribeiro. A capa homenaxea obras senlleiras da pintora, coa cor marela dourada e as espigas de trigo de O canto das espigas, e as formas xeométricas en tons azuis de cadros como Airagu ou Panteo.

Neste volume non existe a figura da narradora (o lucecú de Rosalía ou a Navia de María Victoria Moreno), pero o seu prantexamento é moi similar ao dos dous anteriores: mantense o formato de álbum ilustrado a páxina completa, co texto distribuido en recadros con distintas cores de fondo e tipografías. Os recadros mourados conteñen o texto principal en letra serif, e os recadros verdes, máis pequenos e con letra de pau, os textos de apoio con información adicional. O caderno inclúe tamén dúas páxinas cunha completa cronoloxía da pintora e catro actividades, tres baseadas en cadros de Maruja Mallo e unha para descubrir a outras pintoras galegas, ben coetáneas dela, ben contemporáneas nosas. Deste xeito, o volume, como o resto da colección, resulta axeitado para o seu emprego como material educativo no eido escolar.

A famosa imaxe da pintora cuberta de algas reprodúcese
no caderno, redebuxada pola man de Eva Agra

Este terceiro volume de Mulleres bravas da nosa historia ten dous valores fundamentais: o primeiro, ofrecer información biográfica dabondo sobre Maruja Mallo en paralelo á súa importancia no vangarda artística do surrealismo ao longo do século XX, incluido o esquecemento da súa figura e o seu rexurdir como musa de movementos contraculturais como o punk ou a movida madrileña. E o segundo, sendóo por ser ela de seu, afeitos como estamos a coñecela no papel de «amiga de Miguel Hernández», «parella intermitente de Rafael Alberti», «protexida de Luis Buñuel» ou «favorita de André Breton». Abofé que se salienta a súa etapa madrileña, e a súa amizade con todos eles: Federico García Lorca, Margarita Manso, María Zambrano, Salvador Dalí… que non é outra cousa que a súa pertenza, en resumo, á Xeración do 27, como un membro daquel fervedoiro de ideas e daquel ambiente de liberdade creativa no que deixaría de ser Ana María Gómez González e adoptaría o seudónimo pola que se lle coñeceu dende entón.

A autora, Elvira Ribeiro, acadou condesar gran cantidade de datos en pouco espazo, e facelos atractivos e doados de interpretar para as crianzas. Cómpre lembrar que a colección conta cun comité asesor, formado por Patricia Porto, libreira e educadora social, e Mariám Mariño, membro Consello da Cultura Galega, e que nesta ocasión sumou a Clara Rodríguez Cordeiro, historiadora e comisaria de arte.

Reprodúcense tres cadros da pintora: O canto das espigas (1929), Cabeza de muller (1946), e Airagu (1979). Eva Agra fai tamén unha interpretación persoal de A sorpresa do trigo (1936).

Así, con este terceiro volume, a serie Mulleres bravas da nosa historia exténdese da literatura á pintura, e escolle a unha galega universal, cuxa figura cómpre poñer en valor, pois por ter vivido a meirande parte da súa vida fóra da Galiza, e pola escasa atención que recibe polo xeral o arte moderno, atópase no esquecemento para un amplo sector do gran público.

Mulleres bravas da nosa historia – 3- Maruja Mallo pode mercarse por 10 euros na páxina web de Urco Editora ou nas librarías do país.

Compártelo:
Marcar como favorito enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

  • Suscríbete