Negruña - KindleGarten

Negruña, de Xosé Duncan

Coa súa nova novela, publicada por Urco Editora no seu selo Alcaián –adicado á produción propia- Xosé Duncan ven de fechar a tríada. Fantasía con As crónicas de Bran, Terror con Hostal Norte, e agora Ficción Científica con esta Negruña. Que podemos catalogar na verquente branda do xénero, dentro da Ciencia-Ficción social.
Pois, como adoita o devandito subxénero, Xosé Duncan crea un escenario de Anticipación, tomando a situación actual da nosa sociedade e levándoa a un hipotético futuro. Neste caso distópico, onde as nosas problemáticas (contaminación, políticas sociais e medioambientais inefectivas, corrupción, tecnocracia, incremento da fenda social, recurto de dereitos…) amplificando as súas dimensións. Permitíndonos o exercizo de estrañamento de nos ver dende fóra, dun xeito sociolóxico. Para reflexionar sobre o rumbo que toma a nosa sociedade.
Coa intención de chantar os alicerces da súa Anticipación nun escenario familiar e coñecido para os lectores, vencellado á nosa contorna inmediata, o autor opta por situar a acción na cidade de A Coruña do século XXIV. Onde mudou o seu nome polo de Negruña. Un termo obtido da mestura de Coruña, Negrura e, cecais, doutra entidade que empeza por Negr– . Responsábel, en grande medida, da recente deturpación da calidade de vida da cidade.
Xosé Duncan [fonte: Palavra Comum]
Negruña áchase nun mundo onde a polución acadou níveis de non retorno, cos océanos convertidos en xigantescas lameiras mortas e innavegables, o cal afecta ao comercio e condea aos Estados á autarquía. Rachado o ciclo do auga, a choiva é unha brea mesta e o feluxe inza o aire, lixando canto toca.
Hai tempo que os gobernos tecnócratas aboliron a democracia e o sistema electoral. As cidades organízanse nun Consorcio e especialízanse nun área económica. Negruña, dividida en Distritos numerados, adícase ao turismo e ao lecer, reducido a un área de locais comerciais e de hostalería no distrito do antigo porto.
Cunhas taxas de desemprego de case a totalidade da poboación, a moeda ten desaparecido. E o activo circulante son vales trocables por artigos de necesidade como alimentos, roupa ou medicamentos. A vida na cidade está permitida somentes até os cincuenta anos. Despois, os cidadáns deben retirarse á Residencia, onde poderán vivir tanto tempo como anos traballados acumularan.
A rede eléctrica da cidade apágase ao serán, momento no que se restrinxe a circulación de persoas. As forzas de seguridade, os temibles Controladores, actúan con total impunidade e rachan coa separación dos tres poderes. Sendo policía, xuiz e verdugo, ao estilo do (satírico) feixista Xuíz Dredd.
O elemento máis salientable, por dramático, o novum da obra, é que aqueles Distritos de Negruña que deixan de ser rendibles son clausurados, pechando os predios e empregando camións inxectores de gas. De cara á opinión pública, os moradores son desafiuzados e realoxados noutros distritos. Na realidade, son exterminados dentro das súas casas, gaseados e esquecidos. Os parias fuxidos dos distritos pechados acubíllanse nas ruínas do faraónico estacionamento soterrado do antigo Bulevar do Papagaio. Autodenominándose os fillos do gas e maquinando a súa venganza.
Negruña - KindleGarten
Negruña e a súa división en distritos. O 8, equivalente ao actual barrio
de Elviña, é clausurado ao comezo da obra. A Safa e o Agra son o distrito 7.
Malia o seu prantexamento de Ficción Científica, Negruña non manexa un único fío argumental. Senón que ten tamén un píar importante na Fantasía, cunha historia que comeza na Rusia dos Tsares e que se desenvolve sen orde cronolóxica. Para narrar a procura, por parte dun dos personaxes máis fascinantes e controvertidos da Historia universal, o místico Rasputín, dun elemento místico que comprende o sangue de individuos senlleiros, posuidores de dons sobrehumanos. Este historia , que inclúe tamén un relato enmarcado, levaranos ao Castelo de Santo Antón do século XVII, ao cuartel da Sociedade Thule nazi e á India Británica. Recollendo personaxes que confluirán co presente de Negruña e fusionarán ámbolos dous argumentos.
Así mesmo, algúns capítulos teñen un breve limiar. Fragmentos de cadernos de bitácora e cadernos de notas, un discurso do derradeiro alcalde elexido democráticamente, o sermón do día da clausura da Colexiata de Santa María… Retallos de historia que contribúen á comprensión das dúas liñas argumentais.
Negruña manexa un número alto de personaxes, agrupados segundo a súa filiación. Podemos caracterizala como novela coral. Entre moitos outros, podemos destacar aos principais. Por unha banda temos a Gabriel, o máis semellante a un protagonista central, seareiro do bar do Escocés e veciño típico de Negruña, que xunto coas mozas Alma e Morteia se verá mesturado en asuntos que van alén da súa comprensión.
Nos fillos do gas destacan o Torreiro, excéntrico inventor que se agocha nas ruinas da Torre de Hércules. Isabel, a roxa líder da resistencia contra o goberno municipal, e Xan e Bruno, os dous rillotes inseparables que fan o papel de donaire. O resto dos descastados da cidade teñen a súa representación no Rata, xefe da tribo do distrito 9, e no Chivas, caudillo dos parias entre os parias, aqueles que viven alén dos muros da cidade. A subtrama histórica aporta ao devandito Rasputín (e o seu alter ego no presente), ao eremita errante Makari, ao xigante cego Gúmer e ao silandeiro hindú Marut, un dos personaxes máis tráxicos do elenco.
Na construcción dalgúns deles, Xosé Duncan emprega un recurso propio do esperpento valleinclaniano. Como é asociar o feitío físico do personaxe co seu carácter e coa súa personalidade. Saliéntase entre todos o Alcalde, cuxa obesidade hiperbólica, as súas roupas recargadas e rechamantes e os seus acenos afectados acompañan ao seu ser pusilánime, covarde, inepto e decadente.
O bar do Escocés, un dos escenarios principais da novela,
é na realidade un veterano local da cidade, de moita sona
Alén da parte formal e dos aspectos narratolóxicos e puramente estilísticos, a análise máis interesante de Negruña ven da súa proxeción anticipatoria. Da súa especulación sobor dun futuro no cal todas as políticas tecnocráticas e neoliberais da actualidade foran levadas ao seu máximo expoñente. A sacrosanta redución do déficit, a economía de mercado total, o monetarismo resultadista e a consagración da produtividade, acompañadas da absoluta abolición dos dereitos sociais e o Estado do Benestar.
En Negruña non chega con eliminar os dereitos e a dignidade dos cidadáns. Anúlase a súa capacidade de opinión e participación cívica, a súa liberdade de conciencia e mesmo de culto -a relixión xa non existe-. Limítanse os seus movementos e o seu albedrío, négaselle a soberanía sobre a súa vivenda e posesións e chégase ao chanzo final. A súa eliminación física.
Tanto mesmo ocorre co Medio Ambiente, que coa ineptitude dos mandatarios, o esvaecemento da cultura (no bar do Escocés, a música diexética procede da época «na que se escribían cancións»), a privatización dos espazos e equipamentos públicos para uso e solaz dos privilexiados. A brutalidade das forzas da orde, a completa precarización laboral, e o alargamento dunha fenda entre clases sociais (só existe a mobilidade descendente) onde a clase media ven de extinguirse e existen xigantescas bolsas de miseria ignoradas polos gobernantes.
Negruña é, por tanto, un retrato da progresiva deshumanización da nosa sociedade, e das consecuencias de tódolos erros que cometemos como pobo, por acción ou omisión, por nós mesmos ou a través dos gobernantes que escollemos. Con exemplos como o de Christine Lagarde -directora xeral do FMI- laiándose de que os vellos viven demasiado e son caros de manter. Ou da cidade de Detroit derrubando barrios aos que non pode garantir servizos básicos, abofé deberiamos comezar a preocuparnos os acertos da novela.
Novela que resulta escura e desacougante, de leitura incómoda nalgunhas pasaxes particularmente fortes, e na cal pesa a atmósfera opresiva, cincenta, depresiva mesmo. A postura de Xosé Duncan é fondamente distópica e pesimista. Pero ben dixo David Brin que a Ficción Científica é unha profecía autoexcluínte, que nos advirte dos perigos do futuro para que poidamos correxilos a tempo.
Negruña - KindleGarten
Ilustración de Segismundo Rey para o capítulo 1
Como apuntamento sobre o escenario, a ubicación da trama nunha Coruña futurista supón un valor engadido, pola proximidade cultural ao público galego. Permite o xogo de recoñecer lugares (nomeados ou non) e de ubicar doadamente os acontecementos. A división en distritos (en vigor hoxe en día), para os que nacimos e/ou medramos na vila, é tamén unha oportunidade de lembrar aquela antiga Coruña dos barrios. Anterior á transformación urbanística e social que mudou radicalmente a súa identidade.
Por último, compre salientar o deseño do volume, coas ilustración de Segismundo Rey (catorce en total, unha por capítulo, ademáis da folla inicial de cada un). Cun estilo que conxuga o hieratismo do arte medieval cun manierismo que semella inspirado polo El Greco, polas súas figuras magras e lanzais. Pero que á vez ten un certo toque naïf, procedente do aspecto infantil de todos os personaxes retratados. O debuxo a lápis, de contornas angulosas e trazos ríxidos, contribúe a atmósfera escura da narración. A capa, como é habitual na serie Alcaián, é unha composición fotográfica obra de José María Picón.
Negruña pode atoparse na propia web de Urco Editora ou nas librarías do país.
Bloguero, escritor y redactor de contenidos. Colaborador de las revistas Windumanoth, HyperSpace y Libros Prohibidos, y del podcast El Sótano de Radio Belgrado. Miembro de la revista Tantrum y del colectivo Inicia Literaria. Autor de Leyendas del Colt con el seudónimo Kenneth James.
Entradas creadas 404

Un pensamiento en “Negruña, de Xosé Duncan

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Comienza escribiendo tu búsqueda y pulsa enter para buscar. Presiona ESC para cancelar.

Volver arriba