Jack London: A praga escarlata

Compártelo:

A praga escarlata (The Scarlet Plague), publicada en 1912, é unha importante aportación de Jack London á Ficción Científica e ao subxénero post-apocalíptico. A diferenza de romances posteriores como A Terra permanece (Earth Abides) de George R. Stewart ou A Estrada (The Road) de Cormac McCarthy, que se centran na vida após do cataclismo, sendo este algo circunstancial, A praga escarlata é un relato descriptivo polo miúdo da apocalipse que levou a Humanidade de volta á vida prehistorica.

A narración desenvólvese en forma de relato enmarcado: o único supervivinte dos tempos da praga, o profesor de literatura inglesa James Howard Smith, agora coñecido como Granser, fálalles aos seus netos, Edwyn, Hu-Hu e Beizodelebre, da antiga sociedade, da aparición da praga, de como provocou a morte dos case mil millóns de habitantes que tiña o planeta, e de como foi a supervivencia e o nacer dun novo mundo de barbarie e primitivismo.

O estilo reproduce a oralidade da narración e, con 125 páxinas divididas en seis capítulos, é unha lectura moi áxil que se remata axiña. Reflicte o socialismo de London, que imaxina un ano 2013 no que a sociedade é unha plutocracia, rexida por un Consello de Magnates da Industria. Para contrapoñer a orde do mundo anterior á praga co salvaxismo do novo, vemos como Vesta Van Warden, unha dama, filla do presidente do Consello e herdeira da maior fortuna da Terra, remata escravizada e maltratada por Bill o Chofer, antigo criado dela e patriarca dunha das tribos da nova sociedade.

A historia é fondamente pesimista. Ambientada no 2073, amosa un mundo brutal, onde os escasos habitantes (non máis de catrocentos en toda California), organizados en tribos, viven da caza, a recolección e o pastoreo, vestidos con peles, esquecidas xa a lectoescritura e calquera cultura previa á praga. A incredulidade dos netos de Granser, e as bulras coas que escoitan a súa historia (somentes Edwyn, o máis achegado a el, deféndeo fronte aos outros dous) transmiten mágoa polo personaxe patético do antigo profesor, depositario dunha cultura e dun mundo que esborrallarán con el.

Para aumentar a sensación de tristura, o autor introduce no seu romance os conceptos de Historia Cíclica e de Eterno Retorno, dando a pensar que a Humanidade ha erguerse de novo e reconstruir a sociedade, somentes para volver caer e a afundirse de novo na barbarie.

Unha lectura para a reflexión, que mostra a pegada de Jack London no subxénero post-apocalíptico, como chanzo intermedio necesario entre O último home de Mary Shelley e a devandita A Terra permanece.

A praga escarlata foi traducido ao galego e editado por Urco Editora. Inclúense os gravados da edición de 1915, obra de Gordon Grant.

Compártelo:
Marcar como favorito enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

  • Suscríbete