As probas do mago - Vanesa Santiago - KindleGarten

As probas do mago, de Vanesa Santiago

As probas do mago é a segunda novela da colección «A miña primeira novela de…», publicada por Contos Estraños, da que xa vimos a súa cuarta entrega, Visitantes da estrela vermella, de Tomás González Ahola. Neste caso estamos a ler A miña primeira novela de Maxia, para achegar á rapazada a un dos elementos centrais e principais do xénero fantástico.

Porque a maxia é un compoñente transversal a todas as formas de expresión da Fantasía, que non deixa de ser, calquera que sexa o seu nome (xaora fantasía épica, xaora ciencia ficción) unha visión do máxico, do imposible, do que non se pode atinxir por medios humanos e naturais.

A súa autora, Vanesa Santiago, inclúe toda a súa obra dentro da fantasía: en KindleGarten xa vimos Ninguén Lembra (Urco Editora), A vida sinxela de Marcelo Firmamento (Galaxia, gañadora do I Premio Illa Nova) e Memoria de Nosotros (Sideralis). Agora presenta a súa primeira novela destinada expresamente ao público infantoxuvenil.

As probas do mago - Vanesa Santiago - KindleGarten

Novela que, coma o resto das da colección, ven acompañada das ilustracións de Iago Torres París e dunha morea de fichas didácticas con códigos QR (nesta ocasión, ilustradas como pantallas de móbil smartphone) para ampliar os datos sobre os conceptos, lugares e términos que van aparecendo na historia. Algo ben traído, en canto o acceso a Internet no seu móbil é a primeira fonte á que acude arestora a cativada na procura de información.

A Fantasía cotiá

Vanesa Santiago ambienta As probas do mago na propia Galiza, en escenarios e situacións doados de ubicar para a rapazada, e contrapón, da man dos seus protagonistas, a Galiza das cidades, a das vilas e a das aldeas e as paraxes naturais.

Cunha trama e un argumento cinguidos á viaxe do heroe, como debe ser en toda obra iniciática de fantasía, As probas do mago está protagonizada por dous cativos galegos: Fuco e Aldara. Quenes, seguindo a idea da colección «A miña primeira novela de…», van pasar por todos os lugares comúns das historias de maxia para o público infantoxuvenil.

As probas do mago - Vanesa Santiago - KindleGarten

Como Harry Potter e tantos outros antes (e despois) do que el, Fuco e Aldara vanse ver arrincados do seu mundo ordinario (o noso, o aburrido e prosaico mundo cotián) ao descubriren que posúen habelencias máxicas, e que un deles será escollido polo druída Roque Duasaugas como o seu aprendiz de mago. Será quen dea superado tres probas, as que dan título á novela.

As probas divulgativas

A autora emprega as tres probas para achegar á rapazada cadanseus lugares senlleiros da historia e a mitoloxía galegas. Lugares que hoxe están musealizados, interpretados e co acceso regulado para o público, pero que non por iso perderon o seu carácter máxico e telúrico.

As probas do mago deste xeito, non e só unha novela de maxia e fantasía, senón que vencella fortemente o núcleo da súa trama (as probas) co folclore galego e coa súa estreita ligazón co máxico e o sobrenatural.

De xeito que As probas de mago é unha historia moi achegada ao seu público potencial. Debería de serlle, como mínimo, familiar. Pois a literatura infantoxuvenil galega pode servir tamén para combater o progresivo desleixo, aculturización e perda de identidade dos novos galegos e galegas, orixinados pola globalización e os medios de comunicación masivos.

As probas do mago - Vanesa Santiago - KindleGarten

Cómpre salientar acó o valor das láminas informativas, con ou sen códigos QR, que serven mesmo como apoio ás materias escolares.

Tópicos si, valores tamén

Vanesa Santiago emprega os tópicos da Fantasía, mais introduce tamén outros motivos argumentais que poden conectar ben coa rapazada: o pai ausente de Fuco, os pais distantes de Aldara, a fenda tecnolóxica, o urbano e o rural como mundos xustapostos, a turistificación…

No apartado dos valores, atopamos a cooperación por riba da competitividade, o traballo en equipo, a achega das distintas habelencias e capacidades de cada un, o respeto pola diferencia, a igualdade de xénero e o papel da familia (en particular o das nais e avoas) como eixo vertebrador da sociedade galega.

As probas do mago, maxia, aventuras e humor

A trama de As probas do mago transcorre en escenarios das catro provincias galegas, comenzando polo Arde Lucus lugués, pasando por vilas como Monforte de Lemos ou Allariz e contornas naturais como O Courel, e incluíndo lugares de interese histórico e etnográfico como o Pico Sacro.

Como novela infantoxuvenil, As probas do mago ten un ritmo narrativo e un nível de léxico sinxelos, acaídos a un público con idades a partir dos 10 anos.

As probas do mago - Vanesa Santiago - KindleGarten

Vanesa Santiago acada que a lectura sexa amena e lixeira, con numerosos e rápidos cambios de escenario e unha única liña de acción. A sinxeleza narrativa vai da man dunha renuncia expresa ao lirismo e á expresividade habituais no estilo de Vanesa Santiago, que fican alixeiradas (sen esvaecer de todo) en prol da claridade expositiva.

Manexa ademáis un sentido do humor branco, cun doble nível de lectura que se fai máis retranqueiro na figura de Roque Duasaugas, un Dumbledore galego, ou xoga cos estereotipos e coa parodia nos personaxes de Xan e Chani, os bufonescos pais coruñeses de Aldara.

As probas do mago, maxia dende o cerne da nosa mitoloxía

As probas do mago, de Vanesa Santiago, é así unha novela tan lúdica como divulgativa, e non é salientable só o seu concepto primordial da maxia (baseada nos catro elementos clásicos, coa maxia como quinto elemento). Está ademais o seu baseamento no cerne da mitoloxía galega, de tal maneira que non é somentes «A miña primeira novela de… Maxia», tamén é un achegamento ás lendas e á cultura tradicional galegas. En resumo, unha axeitada posible lectura escolar ou material de apoio educativo.

Onde atopalo

As probas do mago pode mercarse en librarías ou na web de Contos Estraños. O seu prezo é de 12 euros.

As probas do mago - Vanesa Santiago - KindleGarten

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.