Revista INviable - KindleGarten

Revista INviable. Mensaxes desde Auria Vella

Contra a imaxe que algúns intereses queren transmitir, Ourense está viva. E no eido cultural, moi activa. Porén, semella que calquera proxecto nado na terra onde agromou a Xeración Nós ten que circular necesariamente por vieiros institucionais, impulsado por subvencións e partidas orzamentais, da man de Concello, Xunta ou Deputación, so pena de remataren en vía morta. De seren inviable.

A Xeración Illada

E ese é o nome escollido para a súa revista polos tres creadores de INviable. Unha declaración de principios de tres membros da Xeración Illada, os ourensáns Francisco Javier Fontenla, Jorge Emilio Bóveda e Eladio Medel.

Con INviable berran a súa mensaxe: Ourense, Auria Vella, está viva. A cidade e a súa cultura expresan as súas inquedanzas, ideas e discursos con voz de seu, a vida cultural ourensá existe alén do produto domesticado e oficiliazado.

revista INviable - KindleGarten

Contra a invisibilidade

INviable vai cos seus tempos, e nace en Internet para existir de xeito dixital, e poderse ler e descarregar (en formato PDF sen DRM) de xeito libre e gratuíto. O obxectivo é chegar ao público, estea onde estea. Que non haxa distancias entre Auria e o mundo.

Catorce números (a revista comeza a numerar polo #0) até o momento de Inviable xa están en liña, e corenta e catro foron xa os colaboradores e colaboradoras invitados a pasar pola súas páxinas e deixar as súas impresións e lembranzas sobre Ourense e a influencia da cidade na súa carreira literaria. Emma Pedreira, Diego Ameixeiras, Eli Ríos, Inma López Silva, Ramón Nicolás, Vanesa Santiago, Antonio Manuel Fraga ou Mercedes Queixas son apenas algúns deles.

A Xeración Illada xa acadou a súa primeira arela: que ollemos cara Auria e non sexa para coñecer a última excentricidade do seu rexedor. Ficamos pendentes da actividade dunha iniciativa na que atopamos facianas como as de Xerardo Méndez, Carlos Rego ou Ramón Caride Ogando.

http://www.revistainviable.gal/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.