Álex Bayorti: Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro

Compártelo:

Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro é o texto gañador do XV Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, premio convocado polo Concello de Noia, e que Urco Editora ven de publicar, inserido no seu selo Urco Xuvenil. Como é propio da colección, a capa é obra de José Ángel Ares.

Para a súa novela, Álex Bayorti revisita e reinterpreta os inmortais personaxes de Mark Twain: Tom Sawyer e Huckleberry Finn, dous nomes que, para os amadores da literatura xuvenil, son sinónimo inconfundible das palabras aventura, diversión e liberdade. Dicimos reinterpreta porque son varios os cambios que experimentan as creacións de Twain na súa nova aventura:

A narración comeza extraendo aos personaxes da postal estática na que os ubica automáticamente o maxín: a súa pequena vila na ribeira do Mississippi, e transcorre na Galiza, no ano 1985. Tom e Huck decidiron mudarse a un lugar que non lles lembrase en absoluto ao Mississipi, entre outras cousas porque Becky, a amiga de ambos e primeiro amor de Tom, abandonou a vila deixando atrás aos seus amigos.

[Álex Bayorti. Fonte: web da autora]

Tom e Huck, que aquí é unha moza, teñen uns trinta anos no momento dos feitos. Que comezan cun reencontro; o dun Tom afundido, deprimido e enfermo de señardade, e o dunha Huck que ven de recuperar a súa liberdade tras dez anos de reclusión no psiquiátrico de Conxo, e que trae canda ela a promesa dunha nova aventura, vencellada agora ás lendas tradicionais e ao folclore galegos.Dividida en quince capítulos numerados -como homenaxe as novelas clásicas de aventuras, cada un leva un subtítulo (os célebres «De como…») que resume o que vai ocorrer nel-, máis un prólogo e un epílogo, “Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro” ten un ritmo de lectura moi alto, e as súas cento nove páxinas de narración resultan mesmo curtas para a historia, que se desenvolve e remata a velocidade de vertixe.

Nisto colabora un estilo narrativo sinxelo e unha adxectivación case testemuñal, coas descripcións xustiñas para ubicar os escenarios, e uns diálogos fluídos e directos, compostos con frases breves e un rexistro coloquial cos que resultan moi naturais.

O Monte Pindo, un dos escenarios das novas aventuras de Tom e Huck

Dende as baiucas de Compostela, a través de Noia e Fisterra e até o Monte Pindo, Tom e Huck percorren a Galiza do 1985, previa á turistificación masiva, nunha aventura onde teñen peso específico as nosas lendas de sempre: as mouras e as súas covas, os tesouros soterrados, a trabe de ouro ou a raíña Lupa. Álex Bayorti integra así o folclore galego e a novela de aventuras xuvenil de sempre, nunha interesante reivindicación e aplicación literaria do rico patrimonio fantástico galego.

O resultado é unha atmósfera de fantasía e realismo máxico onde as lendas conviven coa realidade cotiá, e unha historia sobre a amizade e a sanación de dous perdedores conxénitos que, como repiten varias veces ao longo da novela, lánzanse na procura dunha quimera porque nada máis teñen xa que perder.

Neste senso, Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, sendo un libro xuvenil, ten un dobre nível de lectura axeitado para o público adulto, tanto polos escenarios como pola situación vital dos seus personaxes: persoas coa vidas estragadas, tentando recuperar a inocencia e a ledicia perdidas dunha infancia que quedou fixa nunha postal de perfección luminosa. Tom e Huck, bebendo nunha baiuca compostelá e lembrando momentos felices da nenez -extraídos realmente da novela de Mark Twain- teñen un aquel patético que esperta simpatía e mesmo compaixón polos protagonistas.

O casco antigo de Noia, hoxe turistificado, outro dos escenarios para Tom e Huck

Un texto tan breve non permite afondar abondo nos personaxes, pero Álex Bayorti quere fornecelos alternando, na narración en terceira persoa, fragmentos tanto das lembranzas de Tom, como do diario persoal de Huck, escrito en primeira persoa, que explican en parte a traxectoria que os levou á súa situación actual.

A brevidade tamén non impide á autora deterse en elementos salientables da cultura tradicional galega, como as camas de santo, lugares pétreos vencellados á fertilidade e cristianizados despois, como o que marca a ermida de San Guillerme, en Fisterra.

Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro é unha novela interesante pola súa estructura narrativa inusual na literatura xuvenil (non responde ao modelo de bildungsroman e os personaxes non se presentan dende cero), pola reinterpretación que fai Álex Bayorti de dous personaxes tan icónicos e vencellados á novela de aventuras xuvenil, e pola posta en valor da nosa fantasía tradicional.

Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro pode mercarse na páxina web de Urco Editora ou nas librarías do país.

Compártelo:
Marcar como favorito enlace permanente.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

  • Suscríbete