Visitantes da estrela vermella - KindleGarten

Visitantes da estrela vermella, de Tomás González Ahola

A cuarta novela da colección «A miña primeira novela de…», publicada por Contos Estraños, e obra de Tomás González Ahola (Alaia e a deusa; Galiza Mutante, Poder Nuclear!; Derradeiro bis en catro corenta; Manual de medo, noxo, vicio e morte; Da fría e distante estrela polar), escritor, editor e traductor, que achega á colección Visitantes da estrela vermella, «A miña primeira novela de ciencia ficción».

Coma o resto da serie, Visitantes da estrela vermella é unha novela destinada a rapaces e rapazas con idades a partir de 10-11 anos, para ofrecerlles e darlles a coñecer historias dos xéneros literarios máis populares. E como o resto da serie, o libro inclúe unha serie de fichas didácticas, ilustradas e con códigos QR, que amplían información sobre os conceptos que aparecen na historia.

Descubrindo a ciencia ficción

Tomás González Ahola optou en Visitantes da estrela vermella por unha historia de ciencia ficción social, cunha trama de aventuras, e contando con elementos tanto con elementos da ciencia ficción branda (entrando incluso no space opera) como da ciencia ficción dura, se ben axeitados á idade do público. Pois tratándose dunha novela de iniciación, téntase que conteña todo o que identifica un xénero literario, mesmo os tópicos e lugares comúns, para que a rapazada os descubra e aprenda a recoñecelos.

Visitantes da estrela vermella - KindleGarten

Visitantes da estrela vermella está protagonizada por Dril e Gat, un rapaz e unha rapaza que viven no Val, unha colonia agrícola colectivista, na que non coñecen nin a propiedade privada nin os cartos, e onde todas as decisións se toman en asamblea. Unha especie de Kolkhoz espacial que lembra inevitablemente á lúa anarquista Anarres de Os despoxados, de Ursula K. Le Guin. E, que pola súa ubicación nun Toro de Stanford, ao Mundo Anel de Larry Niven ou a Rama, a meganave de Arthur C. Clarke. Un dos Big Dumb Objects preferidos da ciencia ficción (2001, odisea espacial; Babylon 5; Elysium…) para que os lectores máis novos descubran o caracter anticipatorio e de Sentido da marabilla que caracterizan a este xénero.

Que non faltan tampouco iconas da ciencia ficción coma o peixe babel ou as naves xeracionais. Malia que a súa base é a ciencia ficción social, Visitantes da estrela vermella introduce á rapazada moitos recursos do xénero que despois recoñecerán nas súas lecturas posteriores .

Unha historia sinxela pero chea de significacións

A trama da novela, por mor da súa extensión (126 páxinas, moitas dedicadas ás fichas didácticas), ten que ser necesariamente sinxela, e non deixa de cinguirse ao modelo universal da viaxe do heroe. Dirl e Gat son arrincados do seu mundo ordinario para atoparse no medio dunha revolución, que tenta derrubar o réxime totalitario de base capitalista que domina o planeta Terra. Coñecerán unha serie de aliados e novos amigos, a medida que descobren o mundo exterior (neste caso o noso planeta) e experimentan un proceso de crecemento e maduración persoais.

Visitantes da estrela vermella - KindleGarten

Resulta salientable o xeito no que Tomás González Ahola trata a Alteridade, a construción da propia identidade por comparanza co outro. Dril e Gat son os estraños na Terra, pero para eles, que medraron e viviron no Val e non coñecen outra cousa, os estraños son todos os demáis. Acerto similiar é o tratamento da diversidade e da non-normatividade, olladas con humor e co contraste entre os físicos dos rapaces alieníxenas e dos terrícolas.

Os alieníxenas sermos nós

Visitantes da estrela vermella baséase así, por outra banda, nun tema recorrente na ciencia ficción, cumplindo o seu obxectivo de iniciar á rapazada nos tópicos do xénero: que, de haberen alieníxenas, seremos nós, os seres humanos. A colonización espacial, no percurso de centos de anos, creará novas identidades alleas á Terra, humanos nativos doutros mundos, sen vencello coa metrópole orixinal. Un nóvum tratado por unha manchea de autores e autoras, Isaac Asimov, Ray Bradbury, Dan Simmons… o caso do Val e dos seu nativos Dril e Gat insírese así nesa rica tradición temática.

Visitantes da estrela vermella - KindleGarten

No narrativo, a prosa de Tomás González Ahola é acó moi viva, moi áxil, sen case adxectivación e con descricións mínimas. Se ben hai parágrafos extensos, non resultan complexos de ler pola brevidade das oracións. En conxunto, a novela é unha lectura rápida e lixeira, que poden gozar os adultos igual que a rapazada.

De certo o tema central precisaría unha extensión meirande para afondar en todas as significacións e enriquecer o debate político con máis luscofusco. Pero xa dixemos que a brevidade é un condicionante moi forte, aínda máis cando falamos dun producto para o público infantoxuvenil, onde a reflexión debe equilibrarse coa aventura e a acción.

Unha colección editada con agarimo

No apartado editorial, e como no resto da colección «A miña primeira novela de…», Visitantes da estrela vermella ten unha edición moi coidada, con atención ao apartado gráfico. As ilustracións son de Iago Torres París, que se inspirou na arte constructivista soviética e nos seus cartaces propagandísticos para a capa da novela.

Onde atopalo

Visitantes da estrela vermella pode mercarse en librarías ou na web de Contos Estraños. O seu prezo é de 12 euros.

Visitantes da estrela vermella - KindleGarten

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.